Wednesday 08 de May de 2024

Feijóo presenta Smart Camiño, unha iniciativa que “introducirá o camiño nas enciclopedias do futuro, a rede das redes”


Referiuse á necesidade de que o Camiño se adapte aos novos tempos e ao mundo dixital, “antes os peregrinos apoiábanse nos bastóns, agora tamén se apoiarán nas novas tecnoloxías”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a iniciativa Smart Camiño que, tal e como salientou “introducirá o Camiño na enciclopedia do futuro, a rede de redes” e permitirá planificar a viaxe, usar a realidade aumentada para consultar onde comprar, comer ou hospedarse. “Estamos ante unha verdadeira rede social dos camiños” engadiu.

O titular da Xunta, sinalou durante a súa intervención a Galicia como o pobo do camiño e ao camiño como unha experiencia individual, cultural, deportiva ou gastronómica que vai máis alá da súa vertente espiritual. Tamén se referiu á necesidade de que o Camiño se adapte aos novos tempos e ao mundo dixital. “Antes os peregrinos apoiábanse nos bastóns, agora tamén se apoiarán nas novas tecnoloxías”.

Nesta liña, o presidente da Xunta, sinalou que as actuacións de Smart Camiño se dirixen por unha banda á extensión da rede wifi gratuíta ao 100% dos albergues, “un compromiso adquirido que será unha realidade nos vindeiros meses”, na actualidade o 84% da rede pública de albergues conta xa con rede wifi gratuíta. E por outra, á posta en marcha dunha nova páxina web, caminodesantiago.gal, que desde hoxe será “a dirección da nosa casa no mundo e ofrecerá indicacións do que somos a calquera que acceda a ela” e unha aplicación para o Camiño de Santiago, que estará dispoñible desde mediados de abril.

Sector turístico
O presidente da Xunta sinalou o papel fundamental que desempeña o turismo na nosa economía e a boa marcha que esta actividade está a ter nos últimos anos, “supón o 11,6% do nos produto interior bruto. Ou o que é o mesmo, 1 de cada 10 euros que se xeran en Galicia veñen da man dos que nos visitan” e dá traballo a 110.000 familias, dixo.

O turismo é a marca máis potente da economía, é a industria branca que non contamina, pero tamén, -tal e como indicou- é un sector que “xera equilibrio territorial, revitaliza o noso rural, contribúe a preservar o noso patrimonio arquitectónico e paisaxístico e á difusión da nosa cultura polo mundo”.

Ademais, Feijoo destacou que o recoñecemento internacional que acadou Galicia como destino nos últimos anos, ten unha relación directa coa implantación do Camiño de Santiago no mundo e é “froito do traballo de moitos anos dos galegos que son os anfitrións verdadeiros dos peregrinos”.

A este respecto, Feijóo lembrou que o Goberno galego puxo en marcha o Plan integral de turismo, que vai tutelar os esforzo dos próximos anos, propuxo o Plan director estratéxico do Camiño ou o Smart Turismo 2015-2020 “que conta cunha inversión de 10 millóns de euros” e dentro do cal se encadra a iniciativa Smart Camiño que iniciou hoxe o seu camiño.

Xa para concluír, o mandatario amosouse convencido de que este ano volveremos a superar todas as marcas acadadas ata agora “hai moi boas expectativas, no que vai de ano chegaron a Santiago un 28% máis de peregrinos que no mesmo período do ano anterior”, dixo. Uns bos resultados que son posibles grazas, en parte, á colaboración existente entre institucións.